O proxecto Vigovisións consisitiu en convidar a Vigo cincuenta fotógrafos de diferentes países e das máis diversas concepcións estéticas. Durante aproximadamente dez días traballaron con total liberdade, sen ningún tipo de esixencia narrativa nin descritiva. Non se trataba de facer reportaxes sobre a cidade, senón de que esta aparecese reflectida só na medida en que eles o considerasen importante para o seu proxecto. As obras resultantes mostráronse nas diferentes edicións das fotobienais, pasando a formar parte da Colección Fotográfica do Concello de Vigo, actualmente depositada no MARCO de Vigo.
Vigovisións comezou a súa andaina no marco da II Fotobienal de Vigo, no ano 1986, e tivo lugar de xeito ininterrompido cada dous anos até o ano 2000.
No ano 2003 realizouse no MARCO unha exposición monográfica do proxecto, coa publicación dun catálogo no que se incluíu a totalidade da colección debidamente catalogada. Unha escolma itinerou ao Centro Portugués da Fotografia do Porto.
O proxecto Vigovisións, organizado polo Concello de Vigo, producido e coordinado polo Centro de Estudos Fotográficos (CEF), foi comisariado por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal.
HISTORIA DUN PROXECTO. Texto dos comisarios