PANO DE FONDO. Achegamento á fotografía de estudio 1880-1960

FOTOGRAFÍAS: P. BREY, R. CAAMAÑO, Foto CHAO, J. DOMÍNGUEZ (O LUCAS), J. MOREIRA, M. REBOREDO, JAIME PACHECO, J. PACHECO, J. SAMANIEGO, J. VIDAL , B.GONZÁLEZ, G. GUTIERREZ, J.NUEVO, J. PINTOS, J. SELLIER e F. ZAGALA…..

2007
TEXTOS: Manuel Sendón e X.L. Suárez Canal
IDIOMAS: Galego .
ENCADERNACIÓN: Rústica, 168 páx.
ISBN: 978-84-87882-37-1
PVP 18 euros

José Pacheco

Pano de Fondo non pretende ser un catálogo da fotografía de estudio realizada en Galiza neste período. Simplemente procura levar a cabo un achegamento á fotografía de estudio, tratando de afondar nela, sen preocupármonos por incluír os moitos fotógrafos existentes neses momentos.

O libro componse de dúas partes ben diferenciadas, unha formada por copias de época efectuadas no seu momento polos seus autores e outra por copias realizadas actualmente a partir de negativos. Esta división obedece a que un negativo constitúe unha imaxe fotográfica, susceptíbel de dar lugar a fotografías de moi diferente natureza segundo o copiado no laboratorio, o soporte, o tamaño… En calquera caso, ao falar dunha fotografía estamos ante unha concreción desa imaxe que dá lugar a un obxecto, que como tal ten unha vida determinada, deteriorándose co paso do tempo e coas funcións que lle toca cumprir. Transformacións que rematan dándolle unha certa aura e incrementando a súa gran capacidade de evocación.

Sellier

Esta diferenza entre imaxe fotográfica e fotografía configurou  o deseño expositivo da exposición Pano de Fondo, mostrando as copias fotográficas de época en vitrinas para salientar este carácter obxectual e as fotográficas actuais enmarcadas, montadas en passepartout e penduradas na parede. Neste caso trátase de enfatizar a imaxe e non o obxecto fotográfico, dado que este non ten historia, sendo unha interpretación actual das imaxes das placas.

Vidal

O paso do tempo e as malas condicións en que se conservaron as placas fixeron que en maior ou menor medida todas estean deterioradas, polo que tras escanealas foron sometidas a un proceso de restauración dixital, procurando non alterar o significado da imaxe.

Da chegada do ferrocarril á chegada do Seiscentos.

No amplo período que vai de 1880 a 1960 prodúcense na sociedade galega os cambios propios da modernidade, aínda que gran parte da sociedade permaneza allea a eles. Nese momento instálanse fotógrafos por todo o país, tendo como actividade principal o retrato de estudio. Posteriormente do mesmo xeito que entran nos fogares os electrodomésticos entran as cámaras fotográficas facendo que o retrato de estudio deixe de ser tan habitual.

Pintos

A fotografía de estudio ten unha clara vontade idealizadora que herda da pintura, e o primeiro elemento que hai que ter en conta cando facemos referencia á idealización é o pano de fondo. A través del situábase a persoa noutro contexto simulando un desprazamento de clase do retratado.

Ir onda o fotógrafo para realizar un retrato era un acto extraordinario e normalmente había algunha circunstancia que o determinaba. Para iso un vestía, a maioría das veces, as mellores roupas que tiña, acicaladas con colares, cadeas, medallas e demais cousas. No caso dos fotógrafos rurais a ambientación era moito máis sobria, colocando frecuentemente o pano de fondo na horta ou na porta da casa de xeito que simulase o estudio que non tiñan. A fotografía realizada por estes últimos se caracteriza normalmente pola verticalidade, hieratisimo, estaticismo, frontalidade, mirada fixa frontal, austeridade, rito, tensión, misterio… moi diferente da fotografía burguesa con poses máis distendidas, como maxistralmente puxo de manifesto no seu momento Carlos Maside.

Dominguez

Panos de feira

Unha consideración especial merecen os panos que os fotógrafos ambulantes empregaban nas feiras e nas festas (1920-1960) de características distintas das fotografías de estudio.

Nestes panos son frecuentes as vistas frontais de grandes pazos e dos seus xardíns con fontes, escalinatas e palmeiras, pero tamén coches, barcos ou avións. Aínda que hai imaxes similares ás dos estudios, son frecuentes outras con poses máis distendidas e actitudes festivas.

Estas fotografías son xeralmente máis descoidadas, de inferior calidade e menores dimensións, ao tratarse, a maioría deles, de calotipos (negativo de papel fotográfico).

Fotos iniciáticas: vodas, primeiras comuñóns e fotos de escola

Certos acontecementos como as primeiras comuñóns, as vodas, as fotos da escola e as fotos do servizo militar son unha especie de rito iniciático a unha nova vida que tiña que quedar plasmada, pola súa importancia, a través dunha foto.

Reboredo

Todo o mundo se prestaba ao xogo narcisista. Poses estereotipadas influídas por canons preestabelecidos para a ocasión e máis tarde influenciados polas revistas de moda. No caso das primeiras comuñóns, por exemplo, as poses e as actitudes recalcan o carácter relixioso sacado da liturxia ou da imaxinaría relixiosa, no caso das vodas púñase en evidencia non só o carácter relixioso senón tamén o carácter señorial e festivo do momento. A través de moitas destas fotografías podemos apreciar as diferenzas sociais, a pertenza a capas sociais moi distintas.

O resultado final destas fotografías montadas moitas delas sobre historiados passepartout, marca a importancia da cerimonia e subliña o éxito social.

As fotografías escolares, con escenificacións simbólicas, cos seus panos de fondo, baseadas nas da fotografía de estudio, eran realizadas a maioría delas, por laboratorios fotográficos que se desprazaban polos colexios, de tal xeito que ningún colexio público ou privado deixaba de ter estas sesións fotográficas. A necesidade de deixar constancia dun momento importante na vida do neno fai que estas representacións sexan habituais entre os anos corenta e sesenta.

Fotomontaxes e retoques

Malia o suposto realismo da fotografía, o fotógrafo foi un creador de ilusións e para iso manipulou constantemente as imaxes. Retocaba os rostros para sacar engurras ou marcaba as pestanas, pero tamén estilizaba as caras. Para realizáreno usaban o lapis sobre a placa, previamente impregnada cunha substancia que permitía que se adherise o trazo do lapis. Para outras intervencións máis drásticas, como a redución considerábel das cinturas, empregaban tintura vermella que facía desaparecer as partes que cubría. A fotografía non era tal namentres non era sometida ao proceso de retocado.

Samaniego

A intervención non se limitaba soamente ao retoque, eran frecuentes as fotomontaxes na que unha persoa duplicaba ou triplicaba a súa presenza, reforzando así o carácter máxico que tiña a fotografía.

Son de gran interese as fotomontaxes nas que se incluía no grupo familiar a algún parente falecido, e aquelas nas que se fabricaba unha foto de parella a partir de fotos tiradas en distintos continentes, para desa forma contribuír á cohesión familiar, de familias separadas pola emigración a América.

Nas últimas décadas a presenza do fotógrafo é tan imprescindíbel como a do oficiante da voda, mais antes a meirande parte delas celebrábanse sen seren fotografadas. Co paso do tempo a inexistencia da imaxe levou a algúns a considerar incompleta a unión, o que levou os fotógrafos a realizaren unha imaxe partindo de fotografías anteriores, en ocasións con fotografías de carné ou con desfases temporais, co cal non era sinxelo combinalas.

Manuel Sendón

X.L. Suárez Canal

P. BREY, R. CAAMAÑO, Foto CHAO, J. DOMÍNGUEZ (O LUCAS), J. MOREIRA, M. REBOREDO, JAIME PACHECO, J. PACHECO, J. SAMANIEGO, J. VIDAL , B.GONZÁLEZ, G. GUTIERREZ, J.NUEVO, J. PINTOS, J. SELLIER e F. ZAGALA…..

DATOS:  168 paxinas, cuatricomia e tritono.
PREZO: 18 euros

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s