Con Foi iso, realizada por Almudena Fernández Fariña, iníciase unha nova etapa do proxecto, pondo a disposición de diferentes artistas os libros que quedan, que son fundamentalmente exemplares da colección Do Trinque.
A escolla da facultade de Belas Artes de Pontevedra para iniciar esta nova andaina, que se vai mostrar fundamentalmente a través das redes socias, obedece a que a colección xorde polo interese de editar Cartas á Fisgona, realizada por Rut Massó dentro da materia Fotografía no ano 1993. Como para o Centro de Estudos Fotográficos o diálogo entre o propio e o universal é fundamental, acompañou o libro de Rut con outro dedicado ao fotógrafo polaco Wojciech Prazmowski, o que respondía tamén ao interese do diálogo entre as producións de artistas consolidados e de artistas emerxentes. A vinculación da colección Do Trinque coa facultade de Belas Artes de Ponevedra non se limita a este libro, dado que dos 22 que compoñen a colección 10 corresponden a persoas vinculadas coa facultade, moitas delas iniciadas cando cursaban aquí fotografía. Algúns traballos, como os de Victoria Diehl ou Fran Herbello, tiveron posteriormente unha importante proxección fóra de Galiza.
FOI ISO
“FOI ISO”é para Roland Barthes o trazo inimitable da Fotografía (“o seu noema”) porque representa o que “estivo irrecusablemente presente, e sen embargo xa diferido.”[1]
A obra presentada está realizada con libros sobrantes da colección Do Trinque. Nestes libros de pequeno formato, aparecen cortadas formas de letras que compoñen a frase “FOI ISO”[2].
Os libros (significantes) e o que escriben (significado) son como “a esencia da Fotografía, ratifican o que ao mesmo tempo representan”[3], é dicir, os libros ratifican a existencia dunha colección que estivo “irrecusablemente presente” e, ao mesmo tempo, manifestan un fin de ciclo: o “xa diferido”.
Para amosar esta peza elíxese como espazo expositivo a biblioteca da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, unha escolla cargada de significado porque foi na devandita facultade onde se xestou e arrincou o proxecto Do Trinque.
Os libros que escriben “FOI ISO” (negativos) e as letras resultantes do seu corte (positivos), utilizan o propia moblaxe da biblioteca para integrárense no espazo: sitúanse nas estanterías, nas mesas de estudo ou acomódanse nos expositores de novidades xunta os exemplares doutros libros da colección que o público ten ao seu dispor.
A obra presentada incide no pasado dunha actividade editorial, pero a súa instalación na biblioteca de Belas Artes, non é unha despedida senón unha homenaxe aos libros dunha colección que, no futuro, poñerán a recado unha memoria, certificando que a súa existencia, efectivamente, foi iso.
Almudena Fernández Fariña, 2021
[1] Barthes, R., A cámara clara, Edicións Laiovento, 2003, p.68
[2] ISO, ademais dun pronombre demostrativo, é o valor que indica en fotografía a sensibilidade á luz dunha película (na fotografía analóxica) ou da cámara (na fotografía dixital)
[3] Ibid., p.74