Din Matamoro

Hai tempo que traballo con libros, cadernos, axendas e con outros soportes que me serven de exercicio, de investigación, de encontro e busca. Fágoo con continuidade, ás veces coa sensación dun xogo ditoso, coa mesma proximidade que teño co debuxo.

Manuel Sendón propúxome intervir nos fotolibros da colección Do trinque.

O pulo primeiro foi recortar como xa o fixera en anteriores traballos; logo empreguei a técnica da colaxe para tapar e manipular as imaxes ou os textos con frechas cara á pintura; despois vestín os corpos das persoas de ollares melancólicas en branco e negro que aparecían nas páxinas con acenos, manchas e masas de cor. Na meirande parte deixei as facianas espidas, pois todas me abraiaron, e deixeime levar. Utilicei un libro de exercicios pictóricos e incorporei imaxes de corpos recortados do libro Mal de corpo de Fran Herbello. Tamén colaxes con diferentes caligrafías que tiña en papeis dentro das miñas caixoneiras para o libro Cartas á fisgona de Ruth Massó, axudándome no proceso os títulos dos libros e máis…

Axuntei libros para os transformar, pinturas cunha materialidade que cobre, verte polos bordos e deixo aboiar na parede, onde só a cor prevalece e as imaxes interiores levitan no territorio do esquecemento.

Din Matamoro