Ignacio Pérez-Jofre

Cando Manuel Sendón me convidou a traballar sobre algúns dos fotolibros da colección Do trinque, axiña dei en pensar que me gustaría intervir en todas as páxinas, mantendo así o carácter propio do libro, a súa secuencia. E tamén pensei que sería bo que as intervencións tivesen unha relación determinada co traballo de cada artista.

Daquela, por exemplo, o libro de Karen Knorr, que presenta a clase alta londiniense ao abeiro das súas mansións de Belgravia, provocoume o degoiro de o sacar á rúa e rozalo contra as paredes, páxina por páxina, ao longo dun percorrido, para dese xeito ir erosionando imaxes, textos e papeis, e que tamén se lles foren apegando o po, o lixo, a pintura dos muros, ficando o libro mirrado, manchado e gastado por esa agresiva exposición á intemperie.

Foi ben interesante comprobar como esta proposta funcionou, para min, tal que un disparador de ideas, experiencias e recursos que me permitiron desenvolver, dende un novo punto de vista, moitos dos temas nos que veño traballando dende hai anos: o percorrido urbano, o obxecto achado, o cotián, o azar, a incorporación de materiais, o rexistro do paso do tempo, a transformación, o esquecemento, o esvaemento, a desaparición, a morte.

Ignacio Pérez-Jofre

Karen Knorr: erosión, sucidade e pintura.

J. Schmidt: colaxe de fotografías atopadas

Milagros de la Torre: obxectos atopados

Luis G. Palma: Tinta chinesa e décollage. 

Todas as pezas son de 2021