Hai uns días soubemos por este xornal que o Concello de Vigo se dispuña a rematar as obras da Casa Galega da Fotografía. Do mesmo xeito, tivemos noticia, no seu momento, da súa construción. Non coñecemos polo tanto a súa estrutura, nin sabemos se foi realizado atendendo a un proxecto museístico elaborado previamente.
En primeiro lugar queremos manifestar a nosa satisfacción de que haxa intención de rematar un proxecto que demanda a historia fotográfica da cidade de Vigo. Un espazo que acolla a colección, que a mostre, a difunda e permita e seu estudo é algo que tiña que estar feito xa hai moito tempo. En segundo lugar, chámanos a atención que non se contara coa nosa opinión en ningún momento de todo este proceso, tendo en conta que, como se declaraba publicamente, esta institución albergaría os fondos fotográficos que o Concello de Vigo posúe como resultado da Fotobienal de Vigo da que nós fomos comisarios.
A colección non só está formada polos fondos adquiridos no contexto da Fotobienal, senón tamén polos que proceden da programación fotográfica da Sala dos Peiraos (1985-1991) e de exposicións realizadas na Casa das Artes, en definitiva da actividade fotográfica realizada entre 1984 e 2000 como produto da colaboración entre o Concello de Vigo e o Centro de Estudos Fotográficos. Nese período a cidade de Vigo foi a referencia fotográfica de Galiza e de todo o Estado español e a través do proxecto Vigovisións situouse no mapa mundial da fotografía.
Durante o período de tempo en que tivo lugar a Fotobienal, a consideración da fotografía mudou radicalmente e a súa entrada no mundo da arte foi unha realidade plenamente acadada. Hoxe un proxecto coma a Fotobienal non tería sentido, tanto polos custes de produción, debido á entrada da fotografía no mundo da arte, como polo feito de que exposicións como a central que se realizaba en cada unha das Fotobienais poden ser realizadas dentro do Museo de Arte Contemporánea co que conta a cidade. Porén a aparición do MARCO coa súa programación non invalida un proxecto exclusivamente fotográfico como pode ser a Casa Galega da Fotografía
Fomos conscientes destes cambios e por iso no ano 1999, nos poucos meses en que Carme Corbalán estivo á fronte da Consellería de Cultura, elaboramos detalladamente un novo proxecto que pasaba por adaptar ao novo contexto mundial da fotografía os obxectivos que guiaron as programacións da Fotobienal e da Sala dos Peiraos, que eran os do Centro de Estudos Fotográficos: recuperar a fotografía histórica galega e dinamizar a contemporánea, facéndoa participar do debate da fotografía universal, de tal xeito que Vigo seguise sendo un referente na produción fotográfica no plano internacional. O proxecto incluía a constitución do que nos chamamos naquel momento a Casa da Foto, con varias salas con programación estábel, unha biblioteca exclusivamente fotográfica, un laboratorio e instalacións para albergar a colección e o arquivo Pacheco e os que se fosen incorporando. Ademais contemplaba ir facendo a cidadanía partícipe da recuperación do arquivo Pacheco a través de exposicións trimestrais que irían dando conta do recuperado nese período. Os responsábeis posteriores da Concellería de Cultura non tiveron interese no proxecto, nin sequera se dignaron escoitalo, polo que non só se parou a colaboración entre o Centro de Estudos Fotográficos e o Concello, senón que tamén rematou a dinámica fotográfica do Concello, quedando relegada a algunhas exposicións puntuais para saír do paso. A colección quedou amoreada dun xeito lamentábel na caixa forte do que fora o Banco de España, hoxe Casa das Artes. Como consecuencia da exposición Vigovisións que comisariamos no MARCO no ano 2003, realizada á proposta de directora naquel momento Carlota Álvarez Basso, as fotos que a integraban pasaron a ser depositadas no museo debidamente catalogadas. O interese por que quedara depositada debidamente catalogada o resto da colección e non correse o risco de estragarse foi un dos obxectivo que nos levou a propoñerlle de novo a directora do MARCO a exposición O Feito fotográfico. A Colección Fotográfica do Concello de Vigo 1984-2000, no ano 2004, na que se analizaba a actividade fotográfica realizada na cidade de Vigo no período da Fotobienal. Deste xeito a colección quedaba debidamente catalogada e inventariada e o que é máis importante, quedaba almacenada nun centro que reunía as condicións necesarias para a súa conservación
Se exceptuamos a itinerancia dunha escolma desas dúas exposicións ao Centro Portugués da Fotografía, non houbo difusión reseñábel da colección. Unha mágoa dado o interese que ten dun xeito particular a colección Vigovisións, posto que resultaba ser un proxecto innovador en todo o Estado español e dada a consideración que hoxe teñen a maioría dos 51 fotógrafos que participaron no devandito proxecto.
Consideramos que este novo espazo da Casa Galega da Fotografía non tería sentido se se limita só a mostrar a Colección Fotográfica do Concello de Vigo no que se incluirían os arquivos Pacheco, Llanos e Ksado, mostrados todos eles en diferentes Fotobienais. Pola contra, cremos que todo isto ten que ir acompañado da produción de novas actividades fotográficas, para o cal é preciso ter un proxecto rigoroso, aínda que sexa de mínimos, dados os tempos que corren, e a disposición de levalo a cabo.
A nós tocounos dirixir a actividade fotográfica no período 1984-2000. Agora deben ser outras persoas as que leven adiante este novo proxecto que poña fin ao baleiro de trece anos que existe dende que rematou a Fotobienal, ás que lles desexamos o mellor para que o este proxecto siga adiante.
Agardamos que o proxecto da Casa Galega da Fotografía non se limite a rematar as obras para inauguralo antes das eleccións. De ser así, mellor sería que quede onde está, é dicir, no MARCO. Somos conscientes de que son malos tempos dende o punto de vista económico, pero iso non pode xustificar nin a desidia nin a falta de rigor.
Manuel Sendón
Xosé Luis Suárez Canal