En 1999, tras quince anos de Fotobienal –en particular a través do seu proxecto Vigovisións– Vigo convertérase nunha cidade coñecida no mundo da fotografía internacional. No ámbito galego a Fotobienal de Vigo e a Sala dos Peiraos constituían os referentes fotográficos en Galiza, logrando un importante recoñecemento no mundo da cultura e da cidadanía en xeral. A dinámica das fotobienais demostra que é compatíbel o rigor cunha importante aceptación popular.
O proxecto Casa da Foto pretendía continuar coa dinámica iniciada na Fotobienal e na Sala dos Peiraos de facer a Galiza, e a Vigo en concreto, partícipes do debate da fotografía contemporánea. A súa programación seguiría baseándose na produción de exposicións e na realización de proxectos propios, e non en ser un mero receptor de exposicións dirixidas á “periferia”, como acostuma suceder en moitas institucións. Un centro ten sentido e colle prestixio só en función da súas producións propias. Asemade potenciaríase o intercambio de fondos con institucións doutros países, coa colección Vigovisións como carta de presentación e moeda de cambio para obtermos exposicións dun xeito moi vantaxoso.
Un dos obxectivos da Casa da Foto era a recuperación da fotografía histórica galega, seguindo a actividade realizada neses últimos quince anos, pero dotándose das instalación precisas para poder conservar, clasificar, estudar e difundir a obra dos diferentes fotógrafos e arquivos fotográficos galegos. Actuación que se basearía na política de doazóns e depósitos, e se fose preciso na compra.
No referente á fotografía contemporánea, partiamos da base de que non ten sentido pensar na dinamización da fotografía galega se esta non vai acompañada dunha política de difusión da fotografía contemporánea doutros países, polo que se seguiría na liña de potenciar o diálogo da fotografía contemporánea universal coa fotografía galega. Neste obxectivo o proxecto Vigovisións sería fundamental e realizaríanse encomendas e proxectos dirixidos aos fotógrafos galegos, prestándolles unha especial atención aos novos autores galegos.
A adquisición de fotografías a autores galegos contemporáneos sería consecuencia así mesmo da propia dinámica dos proxectos e exposicións realizadas.
A Casa da Foto propúñase ser o punto de referencia fotográfico de Galiza, procurando a maior operatividade posíbel á hora do uso e consulta dos seus fondos e constituíndo un obxectivo fundamental a organización de exposicións para itinerancia.
ACTUACIÓN
O proxecto supuña a inmediata posta en funcionamento de diferentes salas de exposicións con programación continua. De xeito inmediato a Casa da Foto iniciaría a súa andaina na Casa das Artes do Concello de Vigo.
Salas de exposicións:
-1ª planta da Casa das Artes: dedicada unicamente a fotografía.
. Sala de exposición ou exposicións temporais.
. Sala dedicada á fotografía galega, prestándolles na programación unha especial atención aos novos autores galegos.
. Sala para a Colección do Concello (escolma que se irá cambiando).
. Sala dedicada ao Arquivo Pacheco. Cada tres meses realizaríase unha exposición que iría amosando a recuperación do arquivo nese período de tempo, facendo deste xeito a cidadanía partícipe do proceso de recuperación do arquivo. Sería precisa a creación de instalacións e contratación de persoal para poder levar a cabo esta tarefa. Ao cabo de catro anos realizaríase unha exposición global do arquivo.
Editaríanse os respectivos catálogos e carteis e realizaríanse conferencias e presentación da obra polos autores.
Seguiríase co proxecto Vigovisións, facendo coincidir a estadía dos fotógrafos na cidade cunha exposición monográfica do seu traballo, unha conferencia e un obradoiro (workshop).
Ademais iniciaríase a creación dunha biblioteca fotográfica e dun espazo para a conservación e o positivado de material histórico.
Biblioteca
A biblioteca especializada en fotografía é unha das seccións fundamentais da Casa da Foto, aspirando a que nun curto período de tempo se converta nun exemplo de biblioteca especializada á vez que nun centro de obrigada consulta para fotógrafos e estudosos da fotografía en Galiza.
Na adquisición de libros e catálogos prestaríaselles especial atención aos fotógrafos galegos e a todos aqueles doutros países que estivesen vinculados cos proxectos realizados en Vigo.
Estaría dotada de ordenadores nos que se poderían consultar a colección fotográfica do Concello de Vigo, o Arquivo Pacheco e os proxectos realizados.
Pensábase na súa inauguración coincidindo coa IX Fotobienal (novembro do 2000). Dispondo xa dun número considerábel de libros, dun xeito moi especial dos autores que expuxeron ou traballaron en Vigo.
ESTADO ACTUAL
No ano 1999 foille presentado o proxecto Casa da Foto á concelleira de Cultura de Vigo, Carme Corbalán, e inmediatamente comezamos a planificar a posta en marcha na Casa das Artes. Uns meses despois cambiou o responsábel de cultura, facéndose cargo da concellería Carlos G. Príncipe e o proxecto quedou parado. Posteriormente, coa entrada dun novo concelleiro, intentamos reactivalo pero non houbo interese por parte do responsábel político.
Pasados uns anos construíuse un edificio que, segundo os responsábeis políticos, pretendía albergar os fondos adquiridos pola Fotobienal de Vigo, mais en ningún caso se nos demandou información nin opinión sobre a devandita colección.
No ano 2013, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, declara que se propón finalizar as obras do Centro de Arte Fotográfica. A través dun artigo en Faro de Vigo (12/12/2013) expresamos a nosa satisfacción porque se rematase o proxecto, ao tempo que mostrábamos a nosa sorpresa porque non se contara coa nosa opinión, tendo en conta que se declaraba que ía albergar os fondos da Fotobienal, ademais de agardar que non se limitase a unha actuación electoralista. Non obstante así foi, e en 2015, coincidindo coas eleccións municipais, inaugúrase –só a primeira planta– do Centro de Arte Fotográfica sen facer explícito ningún proxecto, cunha exposición do Arquivo Pacheco que constituía unha autentica falta de respecto ao arquivo, como puxemos de manifesto nun artigo en La Voz de Galicia (24/05/2015), ao tempo que criticabamos tanto que non houbese proxecto, como inadecuado que resultaba o espazo inaugurado. Rematou o período electoral e o centro pechou.
Seguimos á espera de que se poña a andar con rigor a Casa de Fotografía e da posta en valor da colección fotográfica do Concello de Vigo que de momento está, menos mal, no MARCO. Tamén sería interesante e preciso afrontar unha actuación seria do Arquivo Pacheco que segue arrombado nos baixos da Casa das Artes.