


APENAS
Á cidade de Vigo fóiselle privada do Museo da Fotografía, que se inaugurou no 2015 e que só chegou ter unha exposición ás portas dunhas elecións. Despois, o goberno municipal decidiu pechalo para sempre deixando, ao Casco Vello, orfo do que se pretendía que fora o centro referencial de fotografía de toda Galicia. Todos eses cartos invertidos na construción e restauración do edificio sito na rúa Eduardo Chao foron parar á nova sede da Deputación.
Pero que máis da? Sabemos que aquilo que non atraia a millóns e millóns de persoas, semella non importar a case ninguén nesta cidade. E como a case ninguén lle importa, esta intervención que narro a continuación é apenas transcendente. Mais cando dicimos apenas non falamos en termos absolutos. De ningún modo; en Galicia é moi complicado falar dun xeito tan categórico. En todo hai matices.
E xa que vai importar pouco, fagámola case inaccesible, extremadamente sutil.
Cando Manuel Sendón me encomendou facer algo polo Cabodano do Centro de Estudos Fotográficos cun stock de libros, decidín devolverlle ao Casco Vello, e dun xeito simbólico, aquilo que se lle fora roubado: O museo.
O que si temos claro é que a cultura apenas ten cabida neste concello. E volvo dicir outra vez apenas porque, polo menos, existe unha moi vizosa nas marxes e nas fendas do institucional que non para de abrollar. Así que resolvín buscar fendas nos edificios antigos da zona vella e alí, meter os libros, como se fosen cemento que repara os ocos e as crebas aparecidas por mor do paso do tempo.
Este ano 22 coincide cos 22 exemplares da coleción de libros Do Trinque que o Centro de Estudos Fotográficos comezou a editar hai 22 anos, polo que o número de intervencións era bastante obvio. Dalgunha maneira, é un acto de amor á cidade través do sexo, porque a intención non é outra que a de preñala de coñecemento e fotografía.
O traballo culmina cunha intervención a gran escala, enchendo de libros os ocos dunhas ruinas arredor dunha fonte que se atopa diante do propio edificio do malogrado museo, que hogano alberga a sede da Deputación.
Alberto Ardid
Detalles da intervención.











![]() |
Alberto Ardid ( Vigo 1986) é licenciado en Belas Artes e artista plástico e visual. Traballa elaborando pezas que se poden situar entre a percepción e a materia, enfrontando elementos moi diferentes entre sí e que a súa vez poidan representar ideas contrapostas. Para elo, adoita empregar materiais de construción e referencias visuais que, ao misturarse e descontextualizarse, xeran moitos significados e grandes contrastes, con alusións á historia e á cultura de masas desde una visión galega e universal.
Conta no seu haber co Premio Plástika 2019, o Premio Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña de 2021 e o segundo premio do XVI Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense.