FOTOGRAFÍAS: Ramón Caamaño.
TEXTO e SELECCIÓN. Manuel Sendón e X.L Suárez Canal
DATOS: Pasta dura, 96 páxinas
ISBN:84-87882-18-8
PREZO: 12 euros
EDICIÓN ESPECIAL:
Libro acompañado de fotografía das seguintes características:
-Papel baritado virado ao selenio (21x 30 cm).
-25 copias numeradas e asinadas polo autor.
-Prezo: 240 € do 1 ao 20 – 360 € do 21 ao 25.
Ramón Caamaño nace en 1908 en Muxía e iníciase na fotografía na década dos vinte, desenvolvendo o seu labor fotográfico nas diferentes vilas e aldeas da Costa da Morte.
A súa fotografía, como a dos demais fotógrafos rurais, caracterízase por unha total austeridade, como pon de manifesto o chan de terra dos seus retratos, cuberto ás veces por unha farrapeira, combinado con diferentes fondos que varían durante os vinte anos que abrangue este libro. Así comeza cun telón que era o resultado de unir tres panos e posteriormente usa outros que foi mercando e nos que se reproducen ambientes burgueses como o interior ou o exterior de pazos, alternando, nos anos corenta, con colchas que cumprían a mesma función.
Estes retratos son a confluencia entre a vontade da persoa fotografada, que se vestía coas súas mellores galas, e doutra parte da vontade do fotógrafo como director de escena que impuña os seus criterios controlando ata os mínimos detalles. A disposición central dos suxeitos, o estaticismo, a ausencia de sofisticación, a frontalidade, o hieratismo, a mirada directa son características xerais dos retratos, que contrastan coa estética máis sofisticada dos estudios das cidades.
Esta publicación pretende ser unha revisión, dende unha sensibilidade contemporánea, dos retratos realizados por Ramón Caamaño entre finais dos anos vinte e finais dos anos corenta, escolmando as imaxes que consideramos de meirande interese dende o punto de vista da investigación visual, e non soamente dende perspectivas antropolóxicas, sociolóxicas e históricas, malia resultaren tamén interesantes. Estas imaxes propoñen unha reflexión sobre a natureza do retrato e a súa función, sobre o significado que tiña naquel contexto o acto fotográfico e dun xeito particular sobre a relación que se establecía entre o suxeito, o fotógrafo e a cámara.
Manuel Sendón
X.L. Suárez Canal