
VÓRTICE
Baixo o título Vórtice agrúpase un conxunto de cinco intervencións sobre libros da colección de Edicións do Trinque realizadas durante o período de confinamento da pandemia. Os traballos buscan o diálogo coa humanidade tráxica que zumegan as fotografías da autora elixida, Milagros de la Torre.
O título, Vórtice, alude ao centro dun remuíño en canto ao punto de máximo arrastre e destrución, tanto como á acepción esotérica de porta que une dous mundos.
O espazo escollido dentro do Museo é a sala “A Arte de Sanar” que alberga obxectos vinculados coa sanación e a menciña popular misturados con elementos utilizados en prácticas de maxia.
“Degradación Tonal” e “Cor interior” interpretan a primeira parte do libro titulada “Baixo un sol negro”: un conxunto de negativos de retratos de rúa tinxidos con mercromina, práctica utilizada coa finalidade de aclarar a pel da persoa retratada no proceso do positivado, esta práctica pon en evidencia a asimilación do racismo e o clasismo na sociedade sudamericana.

En “Cor interior” os lomos dunha pía de libros están tinxidos con diferentes cores que representan a diferentes tons de pel mestiza, a modo de marca-páxinas o esqueleto dunha man asoma entre as páxinas como recordando que os esqueletos de todas as persoas son da mesma cor e que a fin de contas a morte a todos iguala.

“Degradación Tonal” é unha escaleira que descende perforando o rostro da muller da portada nunha pila de libros, as paredes da escaleira están coloreadas con mercromina ao igual que os retratos trucados.
O libro complétase cunha colección de fotografías que ilustran ferramentas e obxectos vinculados á represión ao crime e a violencia: balas, coitelos, textos censurados, etc. Un único obxecto escapa á escuridade desta descrición, un balón de cores na visión borrosa dun recen nado. A partires de recortes coa forma circular da imaxe dese balón, creei as pezas “Mórulas do mal” e “Buraco do inferno”.


“Mórulas do mal” presenta a violencia medrando de forma orgánica como medra un cáncer, con ramificacións enlazando diferentes nódulos.

“O buraco do inferno”é un pozo semellante á horrenda boca dunha lamprea, cargada de obleas brancas e negras. Representa diferentes infernos físicos ou psicolóxicos do mundo real.

A última das pezas que compoñen Vórtice é “Do revés”, nesta o libro colga invertido como un animal sacrificado e posto a sangrar evocando un mundo violentado.