
CABODANO: A SCENE IN A LIBRARY.
En 1844 William Henry Fox Talbot publicou o libro ThePencil of Nature. Pioneiro principal en desenvolver un método para fixar imaxes pola acción da luz sobre substancias fotosensibles, Fox Talbot achegou o procedemento da calotipia, é dicir, inventou o sistema negativo-positivo que permitía a posibilidade de obter copias a partir dun negativo, e foi tamén precursor en obter fotografías sobre papel e non sobre metal ou outros soportes ríxidos.
Mais con The Pencil ofNature debémoslle outra achega importante, porque se trataba do primeiro libro destinado ao público ilustrado fotograficamente. Noutras palabras: Fox Talbot concibiu o fotolibro.
Lamentablemente, esa innovación que hoxe celebramos pasou case desapercibida no seu momento e só chegaron a se producir seis exemplares. Cada un constaba de 24 fotografías orixinais que se adherían artesanalmente sobre as páxinas do libro. A oitava lámina titulábase «A Scene in a Library»(Detalle dunha biblioteca). Esta ilustración cobra especial relevo porque é, asemade, a primeira vez na historia en que uns libros son os protagonistas dunha fotografía. De aí xorde un paradoxo: o primeiro fotolibro da historia inclúe a primeira fotografía de libros da historia.
Ao formular un tributo creativo á colección editorial doCentro de Estudos Fotográficos ningunha outra imaxe de referencia se antolla máis oportuna. O tríptico que se presenta aquí constitúe polo tanto case a resposta obrigada. En primeiro lugar, temos un facsímile do calotipo orixinal de FoxTalbot. En segundo lugar, o resultado dunha especulación ucrónica: Que tería pasado se Fox Talbot escollese como suxeito outros volumes –uns volumes moito máis valiosos para nós, como son a totalidade de títulos forxados polo CEF? As dúas imaxes, a auténtica e a simulada, enfían entón un diálogo, de que non queda ausente a fenda ontolóxica: o tránsito tecnolóxico da impresión con papel salgado á imaxe dixital posfotográfica.
A terceira imaxe é a chiscadela histórica que pecha o ciclo A scene in a Library constitúe un dos primeiros fakes na historia da fotografía. Fox Talbot non tirou a fotografía nunha biblioteca, se non que montou a escena ao aire libre para dispor de mellores condicións de luz. Instalou dous andeis fronte a unha tea negra de fondo e compuxo a escolma de libros. É un fake inocente e innecesario porque non facía falta ningunha asignarlle ese falso título, mais fake, ao fin e aocabo, ao que se lle dobra aquí a impostura, introducindo na toma orixinal algúns dos exemplares do CEF que só unha observación atenta descubrirá.
Joan Fontcuberta