A Fotobienal de Vigo (1984-2000) marcouse como obxectivos facer a Galiza partícipe da fotografía contemporánea universal e investigar e difundir a fotografía histórica galega, apostando pola produción de proxectos e exposicións específicos.
A primeira edición, en 1984, estivo dedicada á fotografía galega, dun xeito moi particular á fotografía histórica, dado que daquela a fotografía histórica non era considerada de interese cultural e os arquivos históricos estaban a ser destruídos. Unha chamada de atención de que tiñamos unha historia que cumpría recuperar, estudar e difundir.
Na segunda edición, en 1986, inicia o seu carácter internacional (monográfica de William Kline e Last Resort, de Martin Parr), sen abandonar o interese pola fotografía histórica e contemporánea galega. Comeza o proxecto Vigovisións, consistente en convidar a traballar en Vigo fotógrafos de diferentes países e distintas concepcións estéticas. O arquitecto Alfonso Penela deseña un espazo específico no que fora o Banco de España e que nese momento estaba tal como quedara ao pechar o banco anos antes.
A partir da III Fotobienal (1988) a mostra estrutúrase nestas seccións: Vigovisións, Exposición Central (mostra de carácter internacional, para a que se realiza un deseño especifíco do espazo no edificio que fora o Banco de España), Fotografía Histórica Galega e Outras Exposicións. Na V Fotobienal, en 1992, incorpórase a sección Bolsas e na oitava edición (1998) Novas Creacións.